VI FESTIVAL DE COROS INFANTÍS E XUVENÍS

 ImaxeO domingo día 26 de Maio, celebrarase o VI FESTIVAL DE COROS INFANTÍS E XUVENÍS, organizado pola Federación Coral Galega (FE.CO.GA).  A cita terá lugar no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valladares de Vigo (Pontevedra), ás 18:30 horas.

Participarán o seguintes coros:

– CORO XUVENIL O CASTRO, de Baión-Vilanova de Arousa (Pontevedra)

 – CORO INFANTIL XUVENIL ZOLTAN KODALY, de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)

 – NENOS CANTORES DA CAPELA MADRIGALISTA, de Ourense

 – CORO INFANTIL XUVENIL VOCES BRANCAS, de Carballo (A Coruña)

 – CORO XUVENIL CLAVE DE SOL, de Vilariño-Cambados (Pontevedra)

 Cada coro interpretará 5 obras nun repertorio que mestura obras clásicas con modernas. Despois dos encontros celebrados en Santiago (2), Meis,Ribadumia e Silleda, este ano e coa colaboración do ACOPOVI e o patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, poderase comprobar os dotes e calidade dos coros participantes.

 A entrada é libre.

Advertisements
Publicado en Capela Junior | Deixar un comentario

Concerto en Ourense

Rematamos a temporada 2012-2013 cun concerto moi especial co noso público de Ourense. Estades todas e todos convidados o domingo 2 de xuño a vos achegar polo Auditorio Municipal de Ourense a gozar coa música coral. Para nós todo o traballo realizado ao longo destes meses non ten sentido se non o compartimos con vós. Os nosos amigos, familias e público en xeral sodes o motivo fundamental polo que, ensaio tras ensaio, tentamos facelo cada día mellor. Música relixiosa, música galega, músicas do mundo, de onte e de hoxe, un repertorio variado que agardamos sexa do voso agrado. Xa sabedes, se non tedes plan para a tarde noite do domingo pasade polo Auditorio ás 21:00h, a entrada é de balde. Estaremos encantados de vos atopar no patio de butacas escoitándonos cantar.Imaxe

Publicado en Anuncios | Deixar un comentario

A Capela nos 50 anos do Día das Letras Galegas

ImaxeAquí tedes a programación do Día das Letras Galegas 2013 en Ourense. Queremos compartir con vós este día tan especial no que se cumpren 50 anos de celebración. Actuaremos xunto co Coro da Universidade de Vigo ás 13:00h no Salón Nobre do Liceo de Ourense. Pero iso é só parte dos actos que se desenvolverán ao longo de todo o día.

Xardíns do Padre Feijoo

11:00h Inauguración dos actos polo Día das Letras Galegas coa actuación da Aula de Teatro Universitaria Cordelia

12:00h Concerto da Banda Municipal de Música e lectura de textos de Vidal Bolaño

Salón Nobre do Liceo de Ourense

13:00h Concerto do Coro da Universidade de Vigo e da Capela Madrigalista de Ourense

Ambigú das Letras – Patio de Columnas do Liceo de Ourense

19:30h Conversas en torno a Vidal Bolaño

21:30h Cea por un Teatro Popular

22:00h Concerto Tenor de All Latin Jazz e lectura de textos de Vidal Bolaño

Publicado en Anuncios | Etiquetado | Deixar un comentario

Embarcados no barquiño da Nena e o Grilo

ImaxeOs Nenos e Nenas Cantores da Capela Madrigalista, acaban de sair navegar nunha viaxe musical coa Nena e o Grilo nun Barquiño. O barco do capitán Magín Blanco deixa un ronsel de cantigas para pequenos e maiores onde participa o noso coro de voces brancas. Se non tendes medo das ondas musicais embarcade con nós. Podedes atopar nas tendas este precioso conto musical editado por Do Fol.

Publicado en Capela Junior | Etiquetado , , , , , , | Deixar un comentario

Nadal coa Capela Madrigalista

nadacapela2012Preparados para os concertos de Nadal, e vos? Serán múltiples as ocasións nas que nos atoparemos con vós nestas festas. A primeira delas será especial, xa que compartiremos con vós un dos nosos ensaios, para que poidades observar e escoitar como é o noso traballo ao longo do ano: montar pezas, matizalas, traballar os idiomas, o carácter, a expresión, a afinación. Será o luns día 10 na igrexa de María Auxiliadora (Salesianos) ás 20:30. O primeiro dos nosos concertos será o domingo 16 na Igrexa de Santiago, en Allariz ás 19:30h. E 3 días despois, o mércores 19, terá lugar o noso tradicional Concerto de Nadal, na igrexa dos Franciscanos a partires das 20:30h, onde actuaremos conxuntamente cos Nenos Cantores da Capela Madrigalista. Ao día seguinte, 0 xoves 20, os nenos inauguran a programación de festas de Nadal do Concello de Ourense, fronte ao Belén de Baltar, na Praza de San Cosme, ás 18:30h. Ao remate desta intensa semana, o domingo 23, os Nenos repiten actuación na Igrexa de San Francisco de Ribadavia, xunto coa Coraliña Cantora de Trives, ás 20:00h. E para rematar a xira de concertos, poderedes ver de novo ás dúas corais no certame municipal de panxoliñas, na Igrexa de Santa Eufemia, o venres 28 de decembro. Así que xa sabedes, tedes múltiples oportunidades para escoitarnos e pasar estas festas coa mellor música.

Publicado en Anuncios | Deixar un comentario

No conservatorio

O mércores 21 de novembro haberá un novo concerto dos Nenos Cantores da Capela Madrigalista. Enmárcase nos actos programados polo Conservatorio de Música de Ourense na semana de Santa Icía, patrona da música. Unha vez máis compartimos escenario cos nosos queridos amigos da Coral de Voces Brancas do Orfeón Unión Ourensá. Agardamos atoparvos a todas e todos entre o público do auditorio do conservatorio a partires das 19:15.

Publicado en Capela Junior, Concertos | Deixar un comentario

Sons Novos

Escoitar as voces máis novas da cidade é sempre un pracer. Se ademais temos a oportunidade de facelo por partida dobre aínda mellor. A Coral de Voces Brancas do Orfeón Unión Ourensá e os Nenos Cantores da Capela Madrigalista unen as súas forzas musicais para regalarnos un concerto o martes 12 de xuño ás 20:30h na Igrexa dos Franciscanos de Ourense. Estades todas convidadas e convidados a gozar coa súa música para darlle a benvida ao verán e despedir a temporada. Asimesmo, os Nenos Cantores acutarán o luns 18 no Auditorio na clausura das xornadas de saúde organizadas polo Concello de Ourense.

Publicado en Capela Junior | Deixar un comentario